BidVertiser

viernes, 23 de abril de 2010

A superación persoal (en galego)

Iago Pérez Santalla

Nas 110 páxinas de O ilímite das persoas , libro editado por Toxosoutos, Iago Pérez Santalla relata como superou as dificultades desde que naceu, hai 26 anos, en Portomarín (Lugo), con parálise cerebral. No Centro Social Caixanova esclareceu a traxectoria dese tempo, que ten continuidade no doutoramento que realiza no Campus de Lugo da USC. Admite que tivo moito sorte, polo bo tratamento que lle deron sempre os docentes, e a súa mensaxe é que unha discapacidade non supón a minusvaloración dunha persoa, porque «unha discapacidade dá tamén moitas capacidades, e tento que a xente as vexa. Falo dos ilímites que fan que cada persoa sexa única».
E eses ilímites, acrecenta, supoñen unha obriga moral para axudar a construír un mundo mellor: «non hai ninguén que non o poda facer, porque ninguén é totalmente inútil, nin útil 100%. Este libro é unha procura da miña identidade individual, penso que todo o mundo ten que buscar a súa, ser capaz de dar o mellor de si á colectividade».
Iago afirma que hai moitas leis que están moi ben, ao recoñecer dereitos para a igualdade de todas as persoas: «a loita é que eses dereitos cheguen a ser realidade; que a cidadanía nos vexa a aqueles que somos diferentes tamén capaces, que se asuma que non somos invisibles; que podamos ter traballo, unha vida digna, as mesmas oportunidades que calquera outra persoa, desfrutar dos dereitos básicos, nin máis nin menos». No libro fala disto, en 12 capítulos. Nun prefacio, a profesora María Xesús Nogueira define o volume como «unha crónica íntima de autocoñecemento e de superación, rebordante de humanidade».
O libro foi presentado dentro do ciclo sobre A superación persoal . Participou no acto Manuel Rivero, ex director territorial de formación do BBVA, quen resumiu nun decálogo a estratexia a seguir para deixar atrás os entraves económicos, sociais, políticos ou doutro tipo que tentan limitar as capacidades dunha persoa.
Para superar esas pedras do camiño o primeiro é que unha persoa se coñeza, se queira e se acepte. O segundo «traballar un 80% sobre as propias fortalezas e dedicar un 20% para minimizar as debilidades». O terceiro, desenvolver o talento e a motivación no seu ambiente.
Defendeu na continuación a necesidade de «romper paradigmas e ser innovadores e creativos». Despois, ter empatía, asertividade e flexibilidade. A sexta norma é «solicitar e dar feedback », o que supón ver os demais como mestres que tamén axudan a crecer. Escoitar e observar de forma activa («temos dous ollos, dúas orellas e unha boca polo que debemos escoitar e observar o dobre do que falamos», afirma); comunicar de maneira efectiva cun discurso ben construído e en positivo; cooperar; e finalmente non perder o sentido ético e ter unha formación continua, completan o decálogo deste especialista.

No hay comentarios: